A CASA DA CULTURA ACOLLE O 25 DE NOVEMBRO A OBRA TEATRAL 'RRHH (O MÉTODO)' DENTRO DO CICLO 'OS NOSOS ESPECTÁCULOS'
04-11-2011.- A Casa da Cultura de Mesía, situada en Xanceda, acollerá o venres 25 de novembro a representación teatral "RR.HH. (o método)", da asociación "O aturuxo de Melpémone". A función comezará ás 21:30 horas. A entrada é de balde, tanto para cidadáns de Mesía como para veciños doutros municipios, pero por razóns de organización cómpre inscribirse antes do 19 de novembro chamando ao teléfono 981 68 72 41.
"RR.HH. (o método)" aborda de maneira cómica distintas situacións que se poden dar nunha entrevista de traballo. Catro aspirantes a un posto de emprego rivalizan por el tratando de encaixar nun particular método de selección. A obra está dirixida por José Luis Prieto e conta con Felipe Carballido, Paula Morado, Keke Díez e Quique Vázquez como intérpretes.
Esta actuación forma parte do programa 'Os nosos espectáculos', que o Concello de Mesía creou para achegarlles periodicamente aos veciños algúns exemplos de creacións escénicas, que doutro xeito non poderían coñecer sen ter que desprazarse a algunha vila ou gran cidade.