|
1-9-2010.- A rede municipal de locais sociais benefíciase dunha profunda reforma grazas aos proxectos incluídos polo concello de Mesía no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local (FEESL). Os tres proxectos que se executan dentro deste plan, co que o Goberno central achegou neste ano 2010 un total de 327.889 euros a Mesía, serviron para realizar melloras integrais nos locais das parroquias de Castro, Cabrui, Bascoi, Olas, Visantoña e Mesía, e tamén na Casa da Cultura en Xanceda. Outra das actuacións con cargo a este fondo foi o remate da senda peonil desde a estrada xeral ata a piscina municipal. E á marxe do plan E o concello tamén abordou diferentes arranxos recentemente nos locais sociais de Lanzá, Cumbraos ou Albixoi.
As obras nos locais sociais tiveron como obxectivo a súa posta ao día para garantir a súa conservación futura. Baixo esta premisa, e segundo as necesidades de cada centro, renováronse superficies interiores e adecuáronse os exteriores, tratando de mellorar sobre todo a súa impermeabilización para facelos máis axeitados para o seu uso.
Estes traballos comportaron a renovación de portas, ventanais e cubertas, nalgún caso integramente, nova pintura interior e exterior, tarefas de mantemento en elementos estructurais, saneamentos perimetrais para evitar filtracións de humidades, sustitución de instalacións eléctricas e de fontanería, ou adecuación das dependencias para os seus usos actuais e futuros. O investimento nos locais sociais dividiuse en tres proxectos. Un deles, contratado por un importe de 80.455 euros, foi conxunto para os locais de Castro, Cabrui e Bascoi. Outro, de 100.389 euros, inclúe os locais de Olas e Visantoña e a Casa da Cultura en Xanceda. E o terceiro, de 120.829 euros, destinouse á rehabilitación integral do local social de Mesía, situado no mesmo edificio que a escola desta parroquia. A actuación neste último local é a máis relevante xa que o seu estado previo dificultaba o seu uso e por tanto requería unha intervención inmediata. Coas obras, ademais de dotar á parroquia dun local social acorde ás súas necesidades, habilitouse na planta superior un espazo utilizable como vivenda pública da que o concello disporá para situacións de emerxencia social. O alcalde, Mariano Iglesias Castro, asegura que as reformas nos locais sociais de Mesía "son útiles e van máis alá do ornamental, non se quedan na apariencia externa senón que teñen un alcance estrutural para garantir o bo estado destas infraestruturas para os vindeiros anos". En xeral, coas obras acometidas nos últimos anos, os locais sociais do concello xa experimentaran un importante salto cualitativo, pero as obras do Plan E supoñen a súa posta ao día definitiva. Nas seguintes imaxes pódese observar o resultado das obras nos distintos locais sociais, agás no de Mesía, onde aínda están en execución. As fotografías poden verse ampliadas facendo clic sobre elas. BASCOI   CABRUI  
CASTRO  
CUMBRAOS  
LANZÁ  
MESÍA 
OLAS  
VISANTOÑA  
|