 |
AS ACTIVIDADES DO CONCELLO DE MESÍA PARA O CURSO 2011-2012 RECIBEN MÁIS DE 500 SOLICITUDES DE PRAZA |
|
 |
 |
|
 |
 |
 |
13-10-2011.- A programación de actividades do Concello de Mesía para o curso 2011-2012, a máis completa e variada de toda a comarca, mantén o éxito de edicións anteriores. Os rexistros provisionais de inscricións superan as 500 prazas cubertas nas distintas propostas culturais, deportivas e de lecer para nenos, mozos, adultos e terceira idade. A maioría das actividades de carácter continuo xa foron comezando nos últimos días e prolongaranse ata finais de maio e comezos de xuño de 2012.
Infantís
Entre os máis pequenos, o máis demandado é o curso de inglés, que rexistra 36 inscritos. Nas outras propostas didácticas, destaca a actividade 'música activa', con 12 inscricións, e as clases de linguaxe musical, inicialmente con oito participantes.
A oferta deportiva e de exercicio físico conta tamén cunha ampla demanda entre os cativos, con cifras como as 18 prazas cubertas en patinaxe, 16 en 'Xogar', 11 en pequebaile ou 10 en xogos psicomotores, ademais das 21 nos cursos de iniciación ao fútbol e fútbol.
Adultos e xuventude
No grupo das actividades para adultos, a maior aceptación correspóndelles ás manualidades, con 31 prazas cubertas nas clases en Cumbraos, Visantoña e Xanceda. O aeróbic suma xa 27 participantes e a ximnasia supera tamén as 20.
En canto á xuventude, cabe destacar que as clases de baile de salón recibiron 10 solicitudes de praza, e o Concello informa de que supedita o seu comezo a se se eleva un pouco máis a cifra de matriculacións, ao considerar insuficiente para o desenvolvemento do curso o número de prazas cuberto ata agora.
Terceira idade
No apartado da programación para a terceira idade, figura a actividade máis exitosa da programación deste ano: a ximnasia específica, con 88 prazas cubertas para as clases que se desenvolven en diversas parroquias. O cachibol reafirma tamén o seu éxito, con 30 persoas inscritas.
Cómpre destacar tamén o programa 'Tempo Fóra para Maiores', que na súa sétima edición ofrece actividades semanais en nove parroquias. O número total de persoas inscritas nel achégase ás 100, que desenvolven todo tipo de xogos, exercicios e actividades de entretemento adaptadas á súa idade e orientadas a manter activa a súa capacidade de memoria, atención e concentración, e por suposto tamén a ofrecerlles unha alternativa de lecer estable e periódica.
'Deporte é Saúde' no Balneario
Outra das propostas na que o Concello de Mesía é pioneiro e que mantén unha ampla aceptación é o ciclo de saídas ao balneario de Guitiriz, no marco do programa 'Deporte é Saúde'. As saídas, que xa comezaron e proseguirán nas vindeiras semanas en dous grupos, estiveron a piques de cubrir o máximo de 70 prazas dispoñibles.
Actividades puntuais coa inscrición aberta
Á marxe das actividades continuas, existen dúas propostas que aínda manteñen aberta a súa inscrición. Unha é a saída de sendeirismo para maiores de 16 anos programada para o sábado 26 de novembro. Incluirá unha viaxe en tren desde Curtis ata Cecebre, e a partir de aí os participantes camiñarán ata A Coruña, pasando polo paseo do Burgo ata o paseo martítimo da cidade herculina. As inscricións recóllense na Casa da Cultura ata o 21 de novembro, cun prezo de 5 euros para cidadáns empadroados e de 10 euros para non empadroados.
A outra proposta que tamén admite novas incorporacións é a excursión á neve, na estación invernal de Manzaneda, prevista para os días 2 e 3 de xaneiro. É unha saída para maiores de 17 anos, enfocada á xuventude dentro do programa 'Divir-TT' do Concello de Mesía. As inscricións recóllense ata o 17 de decembro. O prezo é de 100 euros para empadroados e de 150 euros para veciños doutros municipios. Inclúe o desprazamento en autobús, o aloxamento en pensión completa, o aluguer de material e un curso de iniciación ao esquí ou ao snow de catro horas de duración.
Un éxito demostrado
Con todos estes datos, a programación anual de actividades do Concello de Mesía volve a evidenciar unha completa sintonía coas demandas dos cidadáns, ao deseñarse propostas adaptadas aos distintos tramos de idade, reiterando e mellorando actividades que xa gustaran en anos anteriores e propoñendo outras innovadoras para conseguir que máis veciños se interesen por eles.
|
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
|