01-02-2012.- O Concello de Mesía informa de que xa están
convocadas as axudas directas a prácticas sostibles da Consellería de
Medio Rural e de Mar para 2012. A convocatoria consta de vinte e un tipos de axuda diferentes, coa finalidade de
fomentar e apoiar prácticas sostibles en agricultura, gandeiría e
desenvolvemento rural, con cofinanciación europea, en concreto do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o
Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).Os
detalles desta convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de
Galicia (DOG) de onte martes, 31 de xaneiro, nunha premendo Orde da Consellería
do Medio Rural e do Mar pola que se regula a aplicación dos pagamentos
directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao
desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras
agrícolas no ano 2012.
Esta Orde, que ten como finalidade mellorar
a renda dos agricultores e gandeiros, contempla un total de vinte e un
tipos de axuda diferentes. Dez deles, financiados polo Fondo Europeo
Agrícola de Garantía (Feaga), teñen por obxectivo compensar aos
agricultores polas perdas de ingresos derivadas da redución dos prezos
do mercado e tamén polo aporte de bens públicos á sociedade non
valorados polo mercado.
Outros once tipos de axudas, cofinanciadas
polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen
carácter de pagos compensatorios, ben pola zona en que se exerce a
actividade agraria ou ben como compensación dos custos adicionais e das
perdas de ingresos derivados do compromiso do agricultor adoptado na
explotación para a mellora do medio ambiente.
Axudas
Está
previsto que estas axudas as soliciten máis de 40.000 agricultores na
Comunidade Autónoma de Galicia, ascendendo as mesmas a preto de 200
millóns de euros. O importe máis relevante corresponde ao pagamento
único por explotación desligado da produción, con 110 millóns de euros.
As axudas ao sector lácteo relacionadas coa calidade ou coas desvantaxes
específicas destas explotacións supoñen un importe de 25 millóns de
euros. Tamén hai subvencións para explotacións con vacas nutrices, por
máis de 27 millóns de euros. No relativo ás axudas ao desenvolvemento
rural prevese o pago de mais de 37 millóns de euros, en concepto de
indemnización compensatoria e de axudas ligadas ao contrato de
explotación sustentable.
Prazo
O prazo de solicitude das
axudas remata o 30 de abril de 2011. O Fondo Galego de Garantía Agraria
(FOGGA), como organismo autónomo adscrito á Consellería do Medio Rural e
do Mar, será o encargado de informar da apertura do prazo e da forma de
tramitación das solicitudes a aquelas persoas que desexen beneficiarse
das mesmas no ano 2012, mediante unha carta personalizada que recibirán
en próximas datas.
Na tramitación destas axudas colaboran un total
de 12 entidades financeiras, así como entidades de aconsellamento de
explotación.
Cursos de formación
Tendo en conta o
sistema de tramitación, o FOGGA impartirá, como xa ven sendo habitual,
cursos de formación para persoal das entidades colaboradoras que van
participar na tramitación das axudas. O propósito dos mesmos é
comunicarlles as características das axudas e da sistemática de
tramitación coa finalidade de que poidan informar adecuadamente aos
agricultores.
Esta información é complementaria á que se
transmitirá tamén aos agricultores nas vindeiras semanas, a través dos
servizos territoriais e oficinas agrarias comarcais da Consellería do
Medio Rural e do Mar e da Oficina Agraria Virtual (OAV), segundo informa a Consellería.