|
14-5-2010.- O Concello de Mesía lémbralles aos veciños e aos demais cidadáns interesados que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) permanece exposto ao público desde o 30 de abril ata finais de xuño. O documento urbanístico pode consultarse nunha dependencia da casa consistorial habilitada especificamente para este fin, en horario de dez da mañán a dúas da tarde, de luns a venres. Os cidadáns poden examinar e revisar toda a documentación, así como presentar as alegacións que estimen oportunas. Para facilitar a consulta, un traballador municipal está dispoñible nese horario, de forma exclusiva para axudar na interpretación dos documentos e informar aos cidadáns de como tramitar alegacións. Ademais, cada luns acode un integrante do equipo redactor do PXOM para aclarar ou resolver calquera dúbida ou consulta sobre a documentación do plan. O PXOM foi aprobado de forma inicial por unanimidade dos once concelleiros que integran o pleno da corporación municipal, nunha sesión celebrada o 9 de abril de 2010. Previamente, o 11 de marzo, xa fora informado de forma favorable pola comisión municipal de seguemento do PXOM, integrada por representantes das tres formacións políticas con presenza na corporación (BNG, PP e PSOE). O plan aprobouse ao abeiro da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a coloquialmente coñecida como "lei do solo". Esto implica que se verá afectado polas modificacións introducidas pola Lei 2/2010, de 25 de marzo, en vigor desde o 21 de abril de 2010. Deste xeito, transcorrido o prazo de exposición pública, haberá que adaptar o PXOM á nova lei. Cómpre lembrar tamén que, tras este proceso de aprobación inicial, virán os procesos de aprobación provisional e de aprobación definitiva do PXOM. Se quere acceder ao bando no que se dá conta da exposición ao público do plan, faga clic aquí. Tamén pode descargar o PXOM desde esta mesma páxina web do concello, no enlace que atopará no menú da esquerda ou directamente facendo clic aquí.
|