|
5-6-2010.- Despois de 8 meses nos que os/as mesienses/as puideron realizar varias actividades de tipo deportivo, cultural e lúdico, douse remate á programación de inverno cunha festa para nenos/as e outra para adultos.
Ás 16:30 h comezou a festa para os máis cativos. Houbo unha exhibición de todas as actividades feitas ao longo do curso (baile moderno, patinaxe, inglés, xogar, xogos psicomotores, judo, etc.). Os/as cativos/as e os pais que os acompañaban tiveron o privilexio de ver a dúas patinadoras profesionais. Logo de repartir os diplomas e agasallos (camisetas para todos e libros para os que participaron na actividade "Un conto por un conto"), os/as rapaces/as puideron gozar dunha merendola para repoñer forzas despois de facer as súas exhibicións.
A festa para os adultos comezou ás 21:30 h, houbo dúas exhibicións de baile de salón e unha de aeróbic. A continuación, mediante unha proxección na parede do pavillón, os asistentes puideron ver fotos das distintas actividades, cursos e excursións que se fixeron durante este ano. Por último, despois de repartir as camisetas, tamén os maiores puideron comer e beber algo.
Tedes todas as fotos destas festas na pestana "Galería de fotos das actividades municipais".
Por outra banda querémosvos recordar que ata o martes día 8 de xuño pola mañá poderedes visitar na Casa da Cultura unha exposición das manualidades feitas ao longo de todo o ano en varias parroquias do concello.
Dende o Concello de Mesía querémoslles dar as grazas a todas aquelas persoas que participaron nas actividades de todo o curso e especialmente a aquelas persoas que participaron na exhibición de onte e que nos prestaron as súas cousas para a exposición de manualidades, pois sen elas o noso labor non tería sentido e a festa de fin de actividades non sería igual. Grazas a todos polo voso esforzo e perseverancia nas distintas actividades e animámosvos a seguir participando nas actividades que proximamente propoñeremos para o verán (nos próximos días recibiredes a programación na vosa casa) e as que ofertaremos para o curso 2010-2011. E por último, darlle as grazas tamén ao profesorado das distintas actividades que tanto axudan a que esta festa de fin de actividades sexa o que é. Grazas a todos/as!
|