NOVAS AXUDAS A PRODUCIÓNS AGRARIAS E FORESTAIS, POLOS DANOS DO LOBO AO GANDO E PARA MAQUINARIA COLECTIVA
30-12-2011.- O Concello de Mesía difunde tres novas convocatorias de axudas da Consellería de Medio Rural que poden ser de interese para o municipio. Foron publicadas este xoves 29 de decembro no DOG e entran en vigor desde hoxe. Trátase das destinadas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, as que tratan de compensar os danos ocasionados polo lobo no gando, e as que teñen por obxectivo fomentar o emprego de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo.
Transformación e comercialización Poderán beneficiarse desta convocatoria microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas que o produto final do proceso de transformación ou comercialización derivado dos investimentos estea incluido entre os que figuran nos anexos da convocatoria. Tamén as microempresas con investimentos relativos á serradura de madeira.
As axudas destinaranse á investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.
O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado desde hoxe. Se o investimento inclúe a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses para presentar a preceptiva licenza de obras.
Como condición, os investimentos subvencionados deberán terr na anualidade 2012 unha execución mínima -xustificado e pagado- do 30% do total subvencionable. Se o importe do investimento superase os dous millóns de euos, a porcentaxe de execución mínima requerida reducirase á metade. Esta condición non se esixirá cando a concesión da axuda sexa posterior ao 15 de setembro de 2012.
A convocatoria pode consultarse íntegra premendo aquí.
Compensación de danos do lobo A convocatoria para compensar os danos ocasionados polo lobo no gando contempla axudas tanto para animais mortos como para animais feridos.
Pódense acoller a esta convocatoria os propietarios de gando ovino, porcino, vacún e equino -tamén asnos e mulos- afectados por ataques. A orde exclúe a propietarios de gando vacún leiteiro que nas últimas tres convocatorias de axudas teñan un número de animais mortos nestas circunstancias superior a cinco, xa que a Xunta entende que non se aplicaron medidas preventivas. O gando deberá pertencer a unha explotación incluida no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, e estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable.
As axudas comprenden danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012. O suceso debe comunicárselle á Consellería de Medio Rural nas 24 horas posteriores ao ataque, mediante unha chamada ao teléfono 012. Aí facilitarán unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.
A Xunta establece que os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar a investigación dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible, afirma a Consellería.
Medio Rural explica ademais que a dotación orzamentaria para esta liña de axudas ascende aos 128.301 euros, aínda que podería incrementarse. En canto ao importe das axudas que corresponden ao suposto de morte, estará condicionado á existencia de crédito orzamentario (cunha serie de baremos en canto á especie, a clase e a idade), mentres que no caso de animais feridos a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados.
Utilización de maquinaria en réxime asociativo Esta convocatoria promove a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo e tamén ten por obxectivos fomentar a construción e/ou adquisición asociativa de edificacións e instalacións relacionadas co proceso produtivo nas explotacións, incentivar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos, racionalizar os custos de mecanización, incrementar a seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.
Poderán beneficiarse destas axudas as cooperativas agrarias e socieades agrarias de transformación (SAT) que teñan como obxectivo social prioritario a adquisición e uso de maquinaria, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola, entre outras posibilidades. A convocatoria está aberta tamén ao resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestar servizos aos seus socios.
As actividades que serán motivo de subvención céntranse na compra de maquinaria agrícola e na adquisición, construción ou mellora de equipamentos, tales como almacéns para maquinaria ou gastos xerais vinculados ao proxecto en honorarios profesionais.
O prazo de presentación de solicitudes é de 45 días hábiles contados desde hoxe. O orzamento da convocatoria, cofinanciada con fondos Feader, é de 500.000 euros para o exercicio 2012.
A convocatoria pode consultarse íntegra premendo aquí.