|
9-8-2010.- A promoción dos valores asociados ao deporte (compañeirismo, respecto, solidariedade, esforzo, competitividade...) e dos beneficios que reporta a práctica de exercicio físico son os obxectivos cos que o Concello de Mesía organiza, entre outras múltiples actividades puntuais e continuadas ao longo do ano, o Domingo Deportivo.
Nesta ocasión, este evento distribuiuse en dous escenarios distintos. Pola mañá, no Complexo Deportivo municipal da Mata (Xanceda), varias deceas de persoas dedicaron a xeira á práctica de diversas modalidades deportivas, como hóckei, ultimate, rugbi cinta ou béisbol, que non é habitual ter ocasión de aprender. Nalgúns casos participaron familias enteiras e sobresaiu a presencia de nenos, que se comezan a familiarizar deste xeito coa necesidade de practicar deporte e a súa diversidade. As actividades estiveron dirixidas e coordinadas polo persoal técnico deportivo do Concello.
Pola tarde, foi o momento do Torneo Interparroquial de Fútbol, disputado no campo municipal de céspede artificial en Visantoña. A competición, cunha considerable asistencia de público, contou con categorías infantil e adulta. Na dos máis pequenos (de 8 a 15 anos) xogaron ata cincuenta participantes, e na dos adultos (de 16 anos diante) competiron un total de 65 futbolistas.
En canto aos resultados, na categoría infantil a victoria foi para o equipo da parroquia de Visantoña, seguido da parroquia de Mesía e a de Cumbraos. Na categoría de adultos, o triunfo obtívoo o conxunto da parroquia de Mesía. O segundo posto foi para o Olas, o terceiro para o Visantoña e o cuarto para o Cumbraos.
Os trofeos foron entregados polo tenente de alcalde, Antonio Quindimil, e pola concelleira de Cultura, Deportes, Muller e Xuventude, Pilar Sánchez. Ámbolos dous agradeceron a participación na xornada e convidaron aos cidadáns a seguir involucrándose ao longo do ano nas diversas propostas da programación deportiva e cultural estable que promove o Concello de Mesía, e que volverá a reanudarse no vindeiro outono.

Todas as fotografías deste evento están dispoñibles na pestana "Galería de imaxes das actividades municipais", situada no menú lateral esquerdo desta mesma páxina web.
O Domingo Deportivo transcorreu nunha xornada de intensa calor, para o que veu ben a colaboración de Coca-Cola, que como xa é habitual nos eventos deportivos do Concello de Mesía cedeu bebida fresca para os deportistas.
|