O CONCELLO DE MESÍA DIFUNDE A CONVOCATORIA DO INEGA DE AXUDAS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES
15-12-2011.- O Concello de Mesía informa de que o Diario Oficial de Galicia publicou aconvocatoria de axudas a proxectos de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que conta cun orzamento total de 2.535.850 euros en cinco liñas de axuda: solar térmica, caldeiras de biomasa, fotovoltaica conectada á rede, fotovoltaica illada e instalacións mixtas, e gasificación/biogás.
Prazo As solicitudes poden presentarse desde onte mércores e durante 45 días naturais. Toda a tramitación faise en liña, desde a presentación da solicitude ata a resolución final. O Inega estima que o prazo de resolución non será superior aos cinco meses.
Beneficiarios Poden ser beneficiarios desta convocatoria as persoas físicas maiores de idade, as empresas e os autónomos, e os distintos tipos de administracións públicas. Ademais, como novidade, poden presentarse empresas de servizos enerxéticos, unha nova modalidade de compañías que basean o seu rendemento en función dos aforros enerxéticos alcanzados coa entidade contratante dos seus servizos. Deste xeito posibilitan o financiamento da implantación de instalacións de aproveitamento de enerxías renovables.
Tipoloxías subvencionables Tal como explica o Inega, baixo o epígrafe de enerxía solar térmica subvenciónanse as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro. Deste xeito, acádase a xeración de auga quente sanitaria, climatización de piscinas cubertas, apoio á calefacción con sistemas de baixa temperartura, aplicacións industriais e refrixeración solar. A contía máxima da subvención será o 35% do investimento subvencionable, agás para as instalacións municipais nas que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 45%.
Na categoría de enerxía solar fotovoltaica illada inclúense as instalacións que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica mediante paneis fotovoltaicos, para o seu consumo illado na rede de distribución, podendo contar o sistema con acumulación de baterías. As axudas serán dun máximo do 40% do investimento subvencionable.
As plantas que transforman a radiación solar en enerxía eléctrica, mediante paneis fotovoltaicos para a súa inxección á rede eléctrica subvencionaranse cunha axuda máxima de 900 euros/kWp, e cun límite por proxecto (ou proxectos situados na mesma edificación) de 6.000 euros, agás para os proxectos solicitados por concellos, nos que estes límites serán de 1.200 euros/kWp e 9.000 euros, respectivamente.
As instalacións para o quentamento dun fluído mediante caldeiras e equipamentos homologados que utilicen biomasa como combustible poderán ser obxecto de axuda co 30% do investimento subvencionable, agás para as instalacións municipais que incrementarán a porcentaxe ata o 45%. Así mesmo a axuda máxima por proxecto será de 30.000 euros, agás no caso das actuacións que contemplen redes de calefacción centralizada a distintos edificios baixo o sistema de district heating, nas que a axuda máxima será de 50.000 euros.
Na tipoloxía biogas/gasificación subvenciónanse instalacións de produción de enerxía térmica ou eléctrica mediante o aproveitamento enerxético en procesos de gasificación de biomasa ou en sistemas de aproveitamento do biogás para instalacións de potencia eléctrica igual ou inferior a 500 kW. A contía máxima da axuda non superará o 30% do investimento subvencionable.
Por último, as instalacións mixtas que incorporen solar fotovoltaica e enerxía eólica e/ou enerxía minihidráulica incentívanse co 40% do investimento subvencionable, cun límite da axuda en función da potencia nominal de 1.500 euros/kW, e cunha axuda máxima de 6.000 euros por proxecto.