28-12-2011.- O Concello de Mesía difunde tres novas convocatorias de axudas da Consellería de Medio Rural, publicadas no Diario Oficial de Galicia deste mércores 28 de decembro. A primeira establece as bases reguladoras das axudas para contratación de seguros agrarios para 2012, a segunda as das axudas para a prevención de ataques de lobo ao gando para 2012, e a terceira as das axudas para implantar servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias.
Seguros agrarios
En canto á liña de axudas de seguros agrarios, ten como finalidade fomentar que un maior número de gandeiros e agricultores accedan a seguros cos que facer fronte a perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, coma o clima, enfermidades e outros.
Poderán ser beneficiados os asegurados titulares das explotacións agrarias situadas en Galicia, sempre que teñan subscritas as pólizas de seguros agrícolas do plan 2012 e as pólizas de seguros correspondentes a liñas gandeiras dos plans 2011 e 2012. Do mesmo xeito poderán acollerse a esta liña de axudas os titulares de explotacións de piscifactorías de troitas.
A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas. Para a concesións das axudas reguladas nesta Orde, a Consellería do Medio Rural dispón dun crédito inicial de 6.500.000 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios.
Premendo aquí, pode consultarse a convocatoria íntegra.
Prevención de ataques de lobo
As axudas para a prevención de ataques de lobo fomenta a aplicación de medidas de protección do gando saneado en explotacións extensivas ou semiextensivas, incentivando a adquisición de elementos preventivos e disuasorios de ataques do lobo ao gando de especies vacúa, cabrúa, ovina e de porco celta.
As accións subvencionables son a adquisición de mastíns e pastores eléctricos ligados ao emprego de curros con malla electrificada e a instalación de cercados con malla ovelleira e postes de madeira tratada, que se adquiran ou instalen despois desta convocatoria e sempre con certificación dos servizos provinciais de Conservación da Natureza de que previamente non existían.
Poden ser beneficiarios gandeiros con explotacións en Galicia, de especies ovina, vacúa, cabrúa e de porco celta. O gando deberá estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable e os beneficiarios terán que acreditar a súa inclusión no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
A orde ten un orzamento de 28.000 euros. Pode consultarse íntegra premendo aquí.
Implantación de servizos
Por último, o DOG de hoxe tamén publica a convocatoria de axudas para a implantación de servizos de asesoramento, xestión e substitución nas explotacións agrarias para 2012. Na mesma orde modifícanse as bases da anterior de 2010.
As axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Teñen un prazo de presentación dun mes, que conta desde hoxe, día posterior ao da publicación da orde no DOG.
Para o vindeiro 2012 dispoñen dun orzamento de 200.000 euros e para 2013 prevense tres millóns de euros.
A convocatoria íntegra pode consultarse premendo aquí.
|