O CONCELLO INFORMA DE QUE AÍNDA RESTAN QUINCE DÍAS PARA AS SOLICITUDES DO PLAN RENOVE DE ILUMINACIÓN INTERIOR
08-10-2011.- O Concello de Mesía informa de que aínda restan quince días, ata o 23 deste mes, para presentar solicitudes ao Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, convocado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Este prazo anularase se se agotan antes os fondos dispoñibles.
O plan ten por obxectivo fomentar a mellora da eficiencia enerxética, a través da renovación de instalacións existentes, de Equipos de Iluminación Interior por outras máis eficientes, reducindo o consumo de enerxía.
Actuacións subvencionables
As axudas poden cubrir a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables sempre e cando permitan reducir a potencia instalada en iluminación polo menos nun 30%, cumprindo cos requerimentos de calidade e confort visual regulamentarios.
Tamén se subvenciona a instalación de sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo o aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético de polo menos un 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación.
Investimento mínimo
O investimento mínimo para que a actuación sexa elixible deberá ser de 500 euros. Subvenciónase o material e a súa instalación.
Contía da axuda
As axudas ascenderán ao 25% do custo elixible da nova instalación de iluminación, cun máximo de 1.500 euros para vivenda unifamiliar, 10.000 euros por edificio de vivendas en bloque e 25.000 euros por edificio destinado a outros usos, non vivenda.
O custo elixible máximo por unidade está recollido nas bases da convocatoria, no apartado 3 do artigo 3.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior comunicades ou mancomunidades de veciños, as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado (propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario, empresas de servizos enerxéticos, empresas municipais da vivenda...) sempre que a actuación subvencionable se realice en vivendas, edificios de vivendas ou edificios terciarios.
A través de entidades colaboradoras
Para ser beneficario da subvención terá que tramitarse a solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao plan. Poden consultarse premendo aquí. Os materiais obxecto de subvención deben adquirirse nunha entidade colaboradora. A continuación, será o instalador quen realizará a solicitude de fondos mediante unha aplicación web, imprimirá os documentos da axuda e o comprador asinará a súa conformidade.
O instalador dispón de sesenta días naturais desde o día seguinte ao da reserva de fondos para: efectuar a instalación, cobrar o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática, e para remitir toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.
Máis información
O prazo do 23 de outubro estableceuse como unha ampliación á primeira convocatoria do plan, efectuada en xaneiro pasado, tendo en conta que non se agotara o crédito dispoñible.
- A resolución pola que se amplía o prazo pode consultarse aquí.
- A convocatoria inicial coas bases reguladoras pode consultarse aquí.
- A resolución que anuncia a publicación das entidades colaboradoras dos Plans Renove pode consultarse aquí.
- As entidades colaboradoras poden buscarse aquí.