 |
O CONCELLO DE MESÍA INSTALA UN MINI PUNTO LIMPO EN XANCEDA PARA INTENSIFICAR A RECOLLIDA SELECTIVA DE RESIDUOS |
|
 |
 |
|
 |
 |
 |
08-11-2011.- Reducir, Reutilizar e Reciclar. A clásica regla dos tres R que inspira os sistemas de tratamento do lixo máis avanzados e ecolóxicos incorpórase cada vez con máis forza ás políticas ambientais do Concello de Mesía. Pódese constatar coa instalación dun mini punto limpo, o primeiro no municipio, que xá está a disposición dos cidadáns na Praza do Concello, en Xanceda.
Características do mini punto limpo
Esta instalación (na imaxe da dereita) conta con cinco depósitos distintos para outros tantos tipos de residuos que é absolutamente convinte que non vaian parar aos contedores convencionais do lixo. As tipoloxías que admite o mini punto limpo son: lámpadas de baixo consumo, pilas, cartuchos de impresora, móbiles ou aparellos electrónicos de pequeno formato (tamén baterías de móbil e cargadores), e casetes e discos tipo cedé ou deuvedé.
O equipo conta cunha boca de entrada independente para cada depósito, convintemente rotulada para depositar adecuadamente cada tipo de residuo. As súas dimensións son de 2,10 metros de alto, 1,20 metros de ancho e 0,30 metros de fondo.
Empregando como lema "Cada cousa no seu sitio", a nova instalación pretende contribuír á mellora da recollida selectiva no municipio. Facilítalles aos cidadáns desfacerse dunha serie de residuos que mal xestionados supoñen unha fonte de contaminación moi grave para a natureza.
Ubicación idónea
O Concello explica que optou por colocar o mini punto limpo na praza pública de Xanceda por dous motivos esenciais: practicidade e seguridade. Practicidade porque se trata dun lugar céntrico ao que con bastante frecuencia acoden practicamente todos os veciños, ao situárense nela servizos como o centro médico e a administración municipal, ou tamén unha entidade financieira e varios establecementos comerciais e hosteleiros. E seguridade porque a súa ubicación nun lugar público e bastante transitado axudará a evitar posibles actos de vandalismo, máis habituais en emprazamentos apartados.
En principio, o Concello optou por instalar un único mini punto limpo para economizar, pero en función da súa acollida e demanda valorará nun futuro a posible instalación dalgún máis noutras zonas do municipio. En todo caso, ao tratarse de residuos que non se degradan con rapidez, como sería o caso dos orgánicos, os cidadáns poden separalos e telos sen problemas durante un tempo na casa, ata que teñan que acudir a Xanceda por calquera motivo e aproveitar así para desfacerse deles de forma ecolóxica.
Programa 'RecicloMesía'
A instalación deste mini punto limpo forma parte do programa 'RecicloMesía' e conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas máis do programa FEDER da Unión Europea. A empresa que se encarga do novo equipamento é Nagar Servicios.
Dentro de 'RecicloMesía', o Concello xa implantou nos últimos meses un programa de compostaxe doméstica, co fin de reducir a presenza dos residuos orgánicos nos contedores tradicionais de lixo, e outro programa para fomentar a recollida selectiva, mediante a disposición de colectores amarelos específicos nas zonas máis poboadas e ao longo das principais estradas.
Valor educativo e concienciador
O mini punto limpo pretende exercer ademais unha función de concienciación e sensibilización ambiental. Por eso, no seu panel frontal inclúe unha rotulación na que, ademais de explicar os tipos de residuos que admite, difunde o principio dos tres R, máis aconséllalles aos cidadáns pensar e actuar de maneira ecolóxica no seu día a día, mediante pequenos pero poderosos xestos.
Faino con este texto, rotulado: "Reducir, reutilizar, reciclar. Estas son as tres formas de alongar a nosa presenza no planeta. Sé parte activa no proceso: pódelo facer mercando produtos a granel, obxectos feitos con materiais reciclados, ou útiles que poidas usar máis dunha vez. PENSA GLOBAL. ACTÚA LOCAL".
|
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
|