|
5-6-2010.- O verán está a piques de comezar. E coa previsible chegada do bo tempo aumentan as actividades e as festas ao aire libre, organizadas tanto polo concello como por asociacións, grupos de amigos ou familias. No Concello de Mesía, moitas delas teñen lugar nas áreas recreativas, prazas públicas e instalacións deportivas descubertas. Para que os cidadáns as atopen nas mellores condicións de uso durante a tempada estival, o concello intensifica durante estes meses as súas tarefas de limpeza, mantemento e conservación.
Deste xeito, os operarios da brigada municipal acoden cando menos dúas veces por semana aos espazos de maior uso para efectuar varios traballos. Un dos máis destacados é o adecentamento continuo das zonas axardinadas, mediante a sega periódica do céspede, o coidado e reposición de plantas ornamentais, o coidado das árbores de sombra, e mesmo o control de roedores.
O concello tamén fai especial fincapé na retirada do lixo depositado nos colectores e papeleiras instaladas nas áreas lúdicas. Esta tarefa lévase a cabo especialmente xusto antes e xusto despois das fins de semana. Por seren as xornadas de maior uso das áreas e prazas públicas, faise así para que os usuarios as atopen nas mellores condicións e para que o lixo depositado o sábado e o domingo non fique acumulado durante a semana, evitando así prexuízos estéticos e de salubridade.
As tarefas de limpeza tamén implican a recollida de residuos que, por un uso inadecuado dos espazos públicos, se guindan en lugares indebidos. Neste sentido, o concello apela á responsabilidade dos usuarios para cumprir as normas de uso das instalacións, utilizar os colectores e papeleiras dipostos para o lixo, e comunicar ante a administración local calquera incidencia contraria ás boas prácticas que observen.

O Concello de Mesía traslada esta mesma recomendación no relativo ao mobiliario co que contan as áreas recreativas, que foi convenientemente reparado e ampliado para a tempada de verán. Por iso, empraza ao coidado responsable das mesas, bancos, grellas, elementos de xogo dos espazos infantís e parques biosaudables, ou peches perimetrais. Ademais de solicitar un uso adecuado, o concello pide a colaboración veciñal para evitar e, de ser o caso, chegar a clarificar posibles accións vandálicas, como xa se conseguiu en anos pasados.
|