|
.gif)
16-12-2011.- O Concello de Mesía presenta a súa nova programación de actividades para o próximo Nadal. Nela hai actividades para todas as idades, pero sobre todo para os nenos e nenas que están de vacacións e merecen entreterse e pasalo ben nestas datas.
Para eles as actividades son:
-Sesión de contacontos protagonizada por Charo Pita o 21 de decembro no CPI de Xanceda, a continuación un paxe real pasará a recoller as cartas para os Reis Magos e darlles caramelos aos/ás nenos/as.
-Obradoiros culturais e de xogos: 2 días nos que poder pasalo ben mediante distintos xogos e manualidades, serán o 28 e 29 de decembro na Casa da Cultura.
-Baila, móvete, pásao ben: o 4 de xaneiro os nenos e nenas poden pasar un anaco divertido preparando coreografías de baile con música moderna.
-Campus de fútbol 7 Coca-cola: o 28 e o 29 de decembro pola tarde no campo de fútbol de Visantoña xogaranse partidos e faranse exercicios de mellora da técnica.
-Saída á Coruña para patinar e ir ao cine: o martes 27 haberá unha saída á cidade da Coruña para patinar no xeo pola mañá e ir ao cine pola tarde. O último día para anotarse na Casa da Cultura será o 23 de decembro. O autobús sairá ás 10:45 da Casa da Cultura e regresará aproximadamente ás 19:00 h ao mesmo lugar.
-Saída ao Xuvenlugo: o martes 3 de xaneiro terá lugar a saída ao Salón de ocio infantil e xuvenil de Lugo "Xuvenlugo". O autobús sairá ás 15:00 h da Casa da Cultura e regresará ás 21:30 h ao mesmo lugar. As inscricións faranse na Casa da Cultura antes do 30 de decembro.
As inscricións nestas actividades recóllense na Casa da Cultura (teléf. 981 687 241).
Para todas as idades o día 5 de xaneiro ás 11:00 da mañá no pavillón de Olas xogarase un partido de cachibol. Este día pola tarde terá lugar no pavillón de Xanceda, a partir das 16:30 h, a Festa de Reis. Os Reis Magos traerán lambetadas para todos os nenos e nenas e agasallos para todos/as os/as rapaces/as menores de 12 anos. Haberá inchables, xogos e roscón de reis para todos! A Casa Real de Oriente recorda que todos aqueles menores de 12 anos que queiran recibir o agasallo se teñen que anotar no 981 687 241.
O programa de actividades tamén recolle o IV Torneo de fútbol sala contra o cancro, que terá lugar o domingo 8 de xaneiro no pavillón de Olas. Poden inscribirse todo tipo de equipos, sen necesidade de estar federados, o prezo da inscrición é de 50 euros. O custo da entrada para ver os partidos será de 1 euro con dereito a unha rifa para o sorteo dunha cesta. Todos os cartos recollidos serán doados á Asociación Española contra el Cáncer.
O programa, que será distribuído nos domicilios nos próximos días, tamén recolle outras actividades como un Curso para obter o graduado en ESO e outros avisos (Punto limpo, Roupeiro social, subvencións, etc.)
Pódese consultar o programa íntegro pinchando aquí.
|