 |
O IV 'MESÍA CONTRA O CANCRO' RECADA 2.661 EUROS PARA A AECC |
|
 |
 |
|
 |
 |
 |
09-01-2012.- O IV Torneo Solidario 'Mesía contra o cancro', que se disputou este sábado 7 de xaneiro, incrementou ata os 2.661 euros a recadación a beneficio da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). O aumento é dun 21% con respecto ao ano pasado, cando a achega solidaria fora de 2.200 euros.
O Concello de Mesía agradece a colaboración de cidadáns, asociacións e empresas neste evento solidario-deportivo. O torneo foi organizado polo Concello, co patrocinio de 'Carpintería Ramón García' e a colaboración de trinta e sete asociacións e empresas do municipio e dos arredores.
A recadación foille entregada ao final da xornada no propio polideportivo municipal de Olas á Asociación Española Contra el Cáncer, que estivo representada pola presidenta da súa xunta na provincia da Coruña, María Elena Viturro. O Concello estivo representado pola concelleira de Educación, Cultura, Muller e Xuventude, Pilar Sánchez, e polo concelleiro de Deporte, Iván Méndez.
En canto á competición deportiva, finalmente foron dez os equipos participantes, tanto de Mesía como de localidades próximas como Melide, A Coruña ou Oroso. No torneo feminino, a victoria foi para 'As Trouts' e o equipo 'Sobrado Melide' foi subcampión. No masculino, venceu o 'Mesía Tien 21' e o 'Olas' quedou en segundo lugar.
Ademais dos encontros de competición que se disputaron durante todo o día, dous equipos de nenos de entre catro e seis anos, un de Mesía e outro de Sigüeiro, xogaron un amistoso de 'futbiberón', que lles serviu para aprender as primeiras nocións de fútbol sala. Víronse compensados cunha merenda e cunha medalla que os animará a seguir practicando deporte.
A galería de imaxes do IV Torneo Solidario 'Mesía Contra o Cancro' pode verse premendo aquí.
|
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
 |
|
 |
|