|
29-11-2011.- O pleno municipal celebrado hoxe no Concello de Mesía aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS) para o ano 2012, cos votos a favor do goberno (PSOE) e o grupo do PP, e a abstención do concelleiro do BNG. A proposta inclúe como proxecto de investimentos a ampliación da rede de subministro do servizo municipal de auga potable na parroquia de Cabrui, por un importe duns 96.000 euros.
A obra prevista, que se executará durante o vindeiro ano, enlazará coa rede xa existente para darlle servizo á maioría dos veciños de Cabrui. En total, a extensión beneficiará ata 46 vivendas. Unha vez executado o proxecto, nesta parroquia só restarán un par de aldeas sen un servizo que xa chega total ou parcialmente a nove parroquias e que o Concello, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ten o propósito de levar a todo o termo municipal.
Como proxecto complementario do POS, que só se executará se existen baixas suficientes na contratación do proxecto principal e con achegas adicionais, o pleno decidiu incluír un paseo que lle daría continuidade ás sendas xa existentes na estrada provincial Lanzá-Boimorto ata a Igrexa de Lanzá.
O importe dos proxectos investidores supón o 40% do POS para 2012. En aplicación da opción fixada pola Deputación nas bases do plan, o 60% restante destinarase á financiación de gastos correntes, cos que a administración local garantirá a prestación de diversos servizos públicos.
O POS está cofinanciado pola administración central do Estado, a Deputación da Coruña e o Concello de Mesía.
Regulamento do programa de axudas de alimentos Ademais, a sesión plenaria aprobou de forma inicial, por unanimidade, o regulamento municipal do programa de axudas de alimentos, que efectúa repartos dúas veces cada ano. Con esta norma, fíxanse criterios para o reparto de alimentos entre cidadáns con dificultades económicas de cara a garantir a máxima obxectividade. En esencia, son dous tipos de criterios: económicos, cunha valoración dos ingresos da unidade familiar correspondente; e sociais, con arreglo a un informe técnico do persoal de traballo social que ofrecerá a valoración correspondente que corrobore a situación de necesidade.
Outros puntos A sesión plenaria, que tivo carácter ordinario adiantándose uns días para cumprir o prazo de presentación da solicitude do POS, abordou tamén unha modificación do regulamento de ficheiros de datos de carácter persoal do Concello. A corporación tomou coñecemento do informe de intervención do terceiro trimestre do ano relativo á lei de medidas contra a morosidade nas operacións comerciais, e tamén dos decretos de alcaldía e das actas da xunta de goberno local recentes, ademais da habitual quenda de rogos e preguntas.
|